Julián é un pai de familia convencido de que ofrece unha educación non sexista aos seus dous fillos, un neno e unha nena. «Eu edúcoos exactamente igual», pensa cando reflexiona sobre este tema. Non se considera para nada machista, convencido de que homes e mulleres debemos ter e esixir os mesmos dereitos. E, como a maioría de nós, estremécese cada vez que escoita unha noticia dunha nova vítima da violencia de xénero. Cando estas informacións se refiren a parellas novas, non pode evitar mirar á súa filla e pensar: «Espero que, o día de mañá, ningún indesexable intente dominarche ou dicirche o que tes que facer».
Julián é, en teoría, unha persoa que coeduca. ¿Ou non? Vexamos o seu día a día. O certo é que, debido ao seu traballo, non está demasiado tempo en casa. Adoita chegar sobre as 9, despois de ir un intre ao ximnasio, a tempo para contarlles un conto aos nenos, que xa están ceados e bañados. Non lle importa ir ao súper, de cando en vez faino, pero non lle pidas que pase o ferro: considérase a si mesmo un torpón, así que nin sequera o intentou nunca. Da montaña de camisas para pasar o ferro encárgase a súa muller, que folguexa cada vez que lle toca (un día si, uno non, máis ou menos, a chea de roupa lavada crece sen cesar). A cociña tampouco está feita para el. É ela a que se encarga de facer comidas e ceas. En canto ao de fregar... é unha leria, para Julián e para todos os demais membros da familia, que sempre se escapulen cando hai que botar unha man. Menos ela, a nai, que é á que sempre lle toca enfundarse as luvas e pórse a fregar baños, cociña e chans. Non sabe como o fai, pero ao final do día sempre consegue (¡facendo encaixe de palillos!) cumprir coa súa xornada laboral e coas desagradecidas tarefas domésticas.
¿É esta unha familia que coeduca? Talvez na teoría, pero o que é na práctica, non. Está claro que eses fillos terán gravada na súa retina a imaxe da súa nai armada con luvas, cubo e fregona como algo natural. E a do seu pai chegando pola porta a última hora do día cunha pequena compra do súper. Así que é probable que, o día de mañá, tanto a nena como o neno, sigan reproducindo estes estereotipos.
Nos últimos anos avanzouse moito. Nun plano teórico, a inmensa maioría dos homes postúlanse a favor da igualdade. O problema vén á hora de facerlles fronte aos inconvenientes e perda de privilexios que supón levar á práctica esa idea. A corresponsabilidade doméstica é máis importante do que parece. Por unha banda, é un contrapunto necesario para alcanzar a igualdade no mundo laboral (non pidamos dobre xornada só ás mulleres). E por outro, é o exemplo que estamos a ofrecer aos nosos descendentes. Se queremos de verdade facelo ben debemos esforzarnos en ofrecer modelos coherentes co que postulamos. Só así, algún día, conseguiremos a igualdade real e plena entre homes e mulleres.
Familias involucradas
Unha familia que coeduca é aquela na que:
1. As tarefas domésticas se reparte por igual entre homes e mulleres (lavar a roupa, facer a comida, coidar o bebé, arranxar electrodomésticos, atender á avoa...).
2. As mulleres e os homes teñen o mesmo poder para decidir. Por exemplo, pai e nai acordan como administrar o diñeiro, ata que hora poden saír os fillos...
3. Tanto o pai como a nai se implican na crianza dos fillos en todas as áreas: coidados físicos (baños, ceas...) e atencións afectivas (abrazos, aloumiños, bicos...), educación (transmisión de valores), no contexto escolar (entrevistas cos profesores, axuda a estudar e cos deberes...).
4. Mulleres e homes dispoñen máis ou menos do mesmo tempo para descansar e facer as cousas que lles gustan (botar unha sesta, ler, quedar cos amigos ou ir correr).
5. Os fillos e fillas son libres de expresar os seus sentimentos (enfado, tristeza, medo...) sen que se lles xulgue por iso («chorar é de covardes»).
6. Ponse a disposición de fillos e fillas xoguetes de todo tipo, non condicionados polo sexo (os nenos poden xogar a bonecas e cocinas, as nenas con construcións e coches).
7. Ofrécense actividades deportivas, lúdicas e de lecer (fútbol, ballet, patinaxe, sendeirismo, formación musical, artística...) a fillas e fillos, sen condicionantes de xénero.
8. Axúdaselles a analizar con actitude crítica os anuncios de xoguetes sexistas (¿por que sempre son rosas os produtos para nenas, é que non hai outra cor?), os estereotipos que impón a moda (delgadeza, modelos masculinos e femininos), os roles tradicionais asignados a cada sexo que aínda perviven na sociedade, as actitudes machistas entre iguais (¿como que ese é un xogo de nenas, quen dixo iso?), etcétera.
Escuela de padres
TEMA DO MES: Previr a violencia de xénero desde a familia.
ETAPA: Infancia e adolescencia.
O DATO: En España, nas últimas décadas, a muller incorporouse con normalidade ao mercado do traballo. Con todo os homes non acaban de asumir a plena corresponsabilidade nas tarefas domésticas: estas seguen recaendo en maior medida sobre as mulleres, aínda que traballen fóra de casa. De media, elas dedican 2 horas diarias máis aos coidados do fogar que eles. (Enquisa do Instituto Nacional de Estatística sobre Emprego do tempo).
ALGUNHAS CLAVES: Esforzarse en ofrecer aos fillos modelos equitativos de repartición de responsabilidades.
PARA SABER MÁIS: «Prevención de la violencia contra las mujeres y las niñas desde la familia», guía editada por CEAPA. Descárgase en PDF desde: https://goo.gl/SBPbS2